|
Este
asunto leva semanas –e as que quedan!– sendo unha das
estrelas do debate mediático no noso país, e unha das
primeiras polémicas está xirando arredor de cál debe
ser o órgano en que se desenvolvan as discusións
preliminares. Responsables dos principais partidos
polemizaban hai poucos días na prensa, apostando uns por
unha comisión
e outros por algo ao que a noticia
que lemos denominaba unhas veces relatorio
e outras ponencia.
Ese “algo” é un órgano propio dos sistemas
parlamentarios do Estado español, formado por un ‘grupo
reducido de parlamentarios que se constitúe dentro dunha
comisión para desenvolver un traballo de análise e
debate antes de que os temas ou os proxectos lexislativos
sexan recibidos e estudados por esta’.
Como
nun ámbito tan especializado coma este deberiamos evitar
–en principio– a proliferación de sinonimias que
poden levar a interpretacións imprecisas, parece razoable
que intentemos elixir unha das formas como preferente e
priorizar o seu uso.
As
razóns que avalarían a escolla de relatorio
parecen evidentes: tendo en conta que é a palabra que nos
dicionarios e vocabularios
académicos se
elixe para designar a ‘exposición oral detallada e
minuciosa sobre un tema que se somete a exame’ (ES: ponencia),
por que non aplicar esa equivalencia ao concepto que nos
ocupa?
Para
xustificar o emprego de ponencia
cómpre salientar que a terminoloxía xurídica é un ámbito
especial no que unha denominación inadecuada desde o
punto de vista lingüístico pode asentarse
definitivamente nun idioma ao ser recollida e definida nun
texto lexislativo. Amais, ao vincularse os conceptos xurídicos
ao sistema legal dun estado concreto é difícil que unha
denominación doutra lingua poida describilos con
propiedade.
Por
iso, vai ser un argumento clave para a decisión comprobar
que no Regulamento
do Parlamento de Galicia, se opta por ponencia
para designar esa estrutura organizativa (vid. os artigos
52, 113, 126…). Se nun texto legal coma ese, o
Parlamento elixiu esa denominación para referirse a un
dos seus órganos derivados, como xustificar a defensa
dunha forma diferente?
En
coherencia co anterior, no Boletín
Oficial do Parlamento e nas versións
galegas dos BOE atopamos frecuentes documentacións de
ponencia, referidas tanto ao órgano propio do Parlamento galego
como ao do español. Igualmente, na compilación termos
xurídicos do proxecto Comforma
indícase claramente que a denominación castelá ponencia designa dous conceptos, un dos cales se coñece en galego
como relatorio
(a ‘exposición oral detallada e minuciosa’) e outro
como ponencia
(o órgano parlamentario).
|
Logo
do visto, cremos que cómpre aconsellar o emprego
de ponencia
para referirse ao órgano parlamentario, tanto
pola súa presenza na documentación técnica como
por ser a denominación elixida polo propio
Parlamento galego. Pero debemos seguir substituíndoo
por relatorio, ao falar da ‘exposición oral detallada e minuciosa
sobre un tema que se somete a exame’, tal e como
nos aconsellan os dicionarios e vocabularios académicos. |
|