Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”
68

Os problemas do “aluguer” (…e non é polos prezos!!)

 

Seica foi Henrique IV o que dixo (ou ao mellor foi Shakespeare quen llo puxo na boca) aquela frase de “Líbrame, Señor, dos meus amigos, que dos meus inimigos xa me ocuparei eu”. Toda esta grandilocuencia veume á cabeza mentres me perdía no nobelo que enlean as últimas obras publicadas pola nosa bendita Academia, intentando fixar os nomes galegos para unha serie de conceptos relacionados coa idea de ‘ceder ou tomar unha cousa por diñeiro durante un tempo determinado’, e especialmente coa familia léxica derivada de alugar.

 
Todo comezou cando unha lectora habitual destas precisións nos suxeriu que lle désemos unha volta ás opinións dos dicionarios galegos sobre aluguer, e nos dirixiu ao sitio web que sobre a
Bolsa de vivenda en alugueiro” [sic] acaba de difundir a Xunta de Galicia. Efectivamente, tomando como referencia o dicionario académico, o emprego de alugueiro nese contexto era inadecuado, pero ao buscar noutras fontes cal sería a alternativa recomendable perdemos definitivamente o fío do nobelo.

Intento explicarme: o dicionario que acabamos de citar (publicado en 1997), aconsellaba aluguer, alugamento, arrendamento ou arrendo, aínda que despois as definicións entre todos estes sinónimos non fosen coincidentes ou o círculo de remisións non estivese completo, como é por desgraza habitual nos dicionarios galegos. Con esta proposta contradicíase o Léxico da administración castelán-galego (RAG-ILG, 1991), en que se recomendaba alugueiro e alugamento[1] como equivalentes galegos para alquiler. En 2004 o VOLGa parece recoller o fío deste último traballo e abandonar a proposta do DRAG, xa que aluguer non é nin incluído nin rexeitado explicitamente,  aínda que si aparece alugueiro e alugamento

Se consultamos o Dicionario castelán-galego da RAG (2005) para intentar aclarar as dúbidas, mellor fora estarse quietos. Na entrada alquiler inclúense dúas acepcións: na primeira (‘acción de alquilar’) dáse como equivalente alugamento, e na segunda (‘precio’) proponse usar en galego alugamento ou renda. As cousas parecen comezar a aclararse, e intuímos que a RAG non propón aluguer como denominación galega, ata que imos confirmar esa intuición na entrada renta. Alí atopamos que, como acepción 3 (‘por un alquiler’) preséntanse como equivalentes galegos renda e… aluguer.

Como a estas alturas parece evidente que non van ser os dicionarios académicos os que nos saquen do enguedello, intentaremos sistematizar unha proposta que respecte as prescricións normativas alí onde non se contradigan, e que trace liñas propias onde non quede outro remedio. Velaquí a deixamos para que se abra o debate:

· alugar ou arrendar
“Ceder ou tomar o uso dun ben ou dun servicio a cambio dun prezo determinado que se paga periodicamente e durante un tempo concreto.” (PT: arrendar, alugar. ES: alquilar, arrendar. EN: to hire, to rent)

· alugamento, aluguer, arrendamento ou arrendo
Acción de realizar esa cesión ou toma.” (PT: aluguel, aluguer ou arrendamento. ES: alquiler, arrendamiento ou arriendo. EN: rental)
Optamos por non desaconsellar o uso de aluguer tendo en conta que:
- ten unha fortísima presenza na documentación real redactada en galego.
- as fontes normativas non son unánimes á hora de desaconsellala, como vimos.
- ten formas paralelas en portugués e castelán, como vemos, pero tamén en catalán (lloguer) ou francés (loyer).

· aluguer, arrendamento; arrendo ou locación –máis culto–
“Contrato no que se formaliza ese acordo de cesión e toma.” (PT: aluguel, aluguer, arrendamento ou locação. ES: arrendamiento, alquiler ou locación. EN: lease)

· renda ou aluguer
“Cantidade ou especie que se paga periodicamente por esa cesión durante o tempo que dura.” (PT: aluguel, aluguer ou renda. ES: arrendamiento; alquiler; renta. EN: rent)

· alugador ou arrendador
“Persoa que cede o ben ou servizo”. (PT: arrendador, locador ou alugador –especialmente en Portugal. ES: alquilador ou arrendador. EN: lessor; landlord)

· arrendatario, locatario ou alugueiro[2]
“Persoa que toma o ben ou servizo”. (PT: locatário, arrendatário, alugatário. ES: alquilador, arrendatario, locatario. EN: lesee, tenant). Cando a propiedade que aluga é unha vivenda, recórrese con frecuencia a inquilino (PT: inquilino. ES: inquilino. EN: tenant).
Algúns dicio
narios converten alugueiro en designación da ‘acción de alugar’ e da ‘cantidade que se paga por alugar’, pero o feito de que o VOLGa a marque gramaticalmente só como “substantivo” é un índice de que a entende como forma capaz de variar en número (alugueiro-alugueira), o que se contradí coa adxudicacións anteriores, propias dun substantivo masculino. Por outra parte, usala para denominar tanto a quen cede o ben para alugar como a quen o recibe pode provocar ambigüidades no uso real.
Por todo isto, para nós é preferible especializala co valor que aquí indicamos, de tal forma que a parella alugador-alugueiro permita distinguir as dúas persoas que participan na relación.


[1] Esta proposta é, con matices, a que se defende tamén nos dicionarios de Edicións Xerais (Gran diccionario Xerais da lingua ou Dicionario Xerais da lingua), pois o concepto de ‘acción e efecto de alugar’ asígnaselle a alugamento e alugueiro e o de ‘cantidade que se paga por alugar’ a alugamento, alugueiro, arrendamento, arrendo e renda.

[2] Como vimos, algúns dicionarios convértena en designación da ‘acción de alugar’ e da ‘cantidade que se paga por alugar’, pero o feito de que o VOLGa a marque gramaticalmente só como “substantivo” é un índice de que a entende como forma capaz de variar en número (alugueiro-alugueira). Por outra parte, aplicala tanto a quen cede o ben para alugar como a quen o recibe pode provocar ambigüidades no uso real. Por todo isto, para nós é preferible especializala co valor que aquí indicamos, de tal forma que a parella alugador-alugueiro permita distinguir as dúas persoas que participan na relación. 


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco