|
Os
dicionarios e vocabularios elaborados pola RAG –e ao seu
ronsel a maioría dos editados por entidades privadas–
desde mediados dos 80 aconsellaban evitar o emprego de tiburón
para referirse a ese conxunto de especies, ao consideralo
un castelanismo, e recorrer no seu canto a quenlla.
Esta
proposta nunca foi do gusto dos diferentes colectivos
profesionais. Así, en guías de peixes como a Guía
dos peixes de Galicia,
Peixes
do mar de Galicia,
en páxinas web especializadas coma a de Pescagalicia,
ou en traballos de análise lingüística realizados
especialistas en bioloxía, mantense o uso de tiburón e danse argumentos que o xustifican.
A
elaboración máis desenvolvida é, sen dúbida, a que dá
Luís Daviña Facal en Lingua
e ciencia.
Alí explícase claramente que o galego quenlla
non debe
empregarse como denominación galega para todo o grupo de
peixes, xa que en realidade é o nome patrimonial que
designa unha das especies dese grupo: a coñecida
cientificamente como Prionace
glauca.[1]
Indica tamén que o castelán tiburón
é unha forma importada do tubarão
portugués,
quen pola súa vez o recolleu dun termo tupí.[2]
Finalmente,
todos estes argumentos acabaron por convencer ás
autoridades académicas, e a edición do Vocabulario
ortográfico da lingua galega de 2004 trata tanto tiburón
como quenlla
como formas galegas sen marcar entre elas ningún tipo de
sinonimia.
Pola contra, en 2005 o
Dicionario
castelán-galego da RAG (2005) opta por presentar tiburón e quenlla como
sinónimos e equivalentes galegos de tiburón.
E, sorprendentemente, na entrada tintorera
–denominación castelá para Prionace
glauca– proponse tiburón
tigre como forma galega, cando esta debería
corresponderlle á especie Galeocerdo
cuvieri (PT: tubarão-tigre; ES:
tiburón
tigre; EN: tiger
shark; FR: requin
tigre; CT: tauró
tigre).
|
Vemos,
pois, que esta última obra non contribúe máis
ca a enguedellar unha cuestión na que finalmente
se puxeran de acordo zoólogos e filólogos. Por
iso –e porque contradí o indicado noutra obra
normativa como é o VOLGa– o mellor vai ser non
tomala en conta, seguir restrinxindo o alcance de quenlla
á designación de Prionace
glauca e empregar tiburón
como nome xenérico para todo ese grupo de peixes. |
|