Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

sete

¿Onde se mercan reloxos de seixo?

Esta pregunta, que pode sorprender a quen a lea sería perfectamente coherente en galego se facemos caso ás afirmacións de varios diccionarios[1] que consideran podemos empregar tanto seixo como cuarzo, para designar o ‘anhídrido de silicio, mineral moi duro e de diversas cores que cristaliza no sistema romboédrico’.

Na nosa opinión, esta proposta contradi os usos vivos en galego e permite frases tan curiosas como a que aparece no título ou como "Mercou unha peza de seixo cristalizado para a súa colección". Para a maioría dos falantes, e para varios diccionarios como o Diccionario da Real Academia Galega  ou o Diccionario Cumio da lingua galega  ou o Léxico de xeografía castelán-galego  as dúas palabras remiten a conceptos distintos:

  • O seixo é unha ‘pedra dura e lisa de pequeno tamaño, moitas veces arredondada pola erosión, e na composición da cal, frecuentemente entra unha porcentaxe considerable de cuarzo’, que tamén se denomina  callao, croio ou canto.
    Ademais, designa un ‘tipo de rocha xeralmente branca e moi dura’.

  • O cuarzo, pola contra, é un ‘mineral formado por óxido de silicio, moi estable en condicións ambientais normais, que cristaliza no sistema trigonal e que se atopa en rochas de todo tipo (ígneas, metamórficas e sedimentarias)’.

Polo tanto, en galego o cuarzo é un mineral que entra a formar parte de moitas rochas (o granito, por exemplo), entre elas do seixo. Pola contra, o castelán denomina cuarzo, tanto ó mineral como á rocha, e chámalle guijarro  á ‘pedra dura e lisa de pequeno tamaño [...]’.

Esta falta de correspondencia exacta entre denominacións galegas e castelás puido ser a que provocou a extensión errada da equivalencia, aplicando un razoamento do tipo "se seixo é equivalente de cuarzo  cando alude a ‘tipo de rocha [...]’ tamén o será cando faga referencia a ‘mineral formado por óxido de silicio [...]’.

 

Resumindo, dos tres conceptos con que estamos traballando a ‘pedra dura, lisa e de pequeno tamaño [...]’ denominarase en galego seixo, callao, croio ou canto, e en castelán guijarro; o ‘tipo de rocha xeralmente branca e moi dura’ recibe en galego o nome de seixo e en castelán o de cuarzo; e o ‘mineral formado por óxido de silicio [...]’ debe ser designado en ambos os idiomas como cuarzo.


[1] Entre eles algúns tan relevantes como o Gran diccionario Xerais da lingua, o Diccionario Sotelo Blanco da lingua galega , o Vocabulario de ciencias naturais castelán-galego, o Diccionario de sinónimos da lingua galega  ou o Diccionario Xerais de sinónimos.

Área de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística


© Área de Linguaxes Especializadas S. N. L. da U. S. C
© canalciencia.com
Contacte connosco