Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

Morbididades e morbilidades

 

Para designar a ‘proporción entre o número de enfermos e o de persoas no seo dunha poboación determinada e por un período de tempo tamén determinado’ as principais linguas europeas recorren a un cultismo formado sobre o adxectivo latino morbidus.

 
A maioría delas seguen un mecanismo regular que nos leva a atopar morbidade en portugués, morbidity en inglés, morbidité en francés, Morbidität en alemán ou morbiditat en catalán. Aínda así, algúns destes idiomas contan tamén con variantes que engaden -li- (PT: morbilidade, EN: morbility, CT: morbilitat),[1] talvez por analoxía cos substantivos derivados de mortalis (EN: mortality, PT: mortalidade, FR: mortalité, DE: Mortalität, CT: mortalitat).[2] 

En español esta dobre alternativa caeu en desuso e hoxe a forma con -li- (morbilidad) ten unha presenza practicamente exclusiva. Por ese motivo, nas últimas edicións do Diccionario de la Real Academia Española a forma morbididad desapareceu do corpus de entradas. 

As propostas dos dicionarios galegos abalan entre esas dúas tendencias:

  • Os elaborados ou revisados pola Real Academia Galega achegábanse á liña seguida polo castelán e recollían unicamente morbilidade, tanto en obras de vocación xeneralista (Diccionario da Real Academia Galega) como noutras moito máis especializadas (Diccionario galego de termos médicos). Pola contra, o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa) publicado no pasado 2004 recolle as dúas denominacións, pero sorprendentemente non indica que entre elas exista ningún tipo de relación.

  • Outros traballos como o Gran diccionario Xerais ou a Enciclopedia Galega Universal (EGU) si recollen as dúas denominacións, pero só esta última as presenta como sinónimas completas, aínda que dándolle prioridade a morbilidade

Pola contra, o Gran Xerais ofrece catro acepcións para morbididade, das cales só a última se considera sinónima de morbilidade.

1.      Condición ou estado de morboso; morbosidade.

2.      Nun grupo ou nunha poboación, número de persoas que se ven afectadas por unha enfermidade.

3.      Estudo dos efectos dunha enfermidade nunha determinada poboación.

4.      Número e distribución das enfermidades que padece unha poboación nun momento concreto, así como o estudo das causas que ocasionan a morte; morbilidade.

 

Tendo en conta o panorama que acabamos de presentar, pensamos que morbididade debe considerarse como unha palabra correcta en galego xa que:

  • é a forma regularmente esperable a partir de morbidus

  • denominacións paralelas teñen un uso significativo na gran maioría das linguas do noso contorno

  • aparece recollida no produto lexicográfico máis recente elaborado pola Real Academia Galega (o VOLGa). Con respecto á relación que mantén con morbilidade, cremos que deben tratarse como sinónimas absolutas, tal e como fan os idiomas veciños e como recolle a EGU, xa que as diferenzas de matiz que supostamente individualizan as acepcións que se citan no Gran Xerais son practicamente imposibles de detectar na práctica.

 



[1] O caso do italiano é parcialmente diferente: tamén se poden atopar as variantes morbilità e morbidità, pero a primeira ten un uso maior ca a segunda.

[2] Cómpre non confundir mortaldade con mortalidade


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco