|
Por
volta de 1990 a RAG apostaba polo uso de medio
ambiente, tal e como se recolle no Léxico
de administración castelán-galego. Pero en 1991,
o autor do Diccionario
de dúbidas da lingua galega argumentaba que se
trataba dunha “construción redundante
semanticamente”, e que se debía empregar só ambiente,
medio ou medio natural.
Esta
proposta acadou un grande éxito entre os dicionarios
editados durante a década dos 90, tanto entre os académicos
(o Diccionario da
Real Academia Galega de 1997 recolle medio
ou ambiente)
como entre os producidos por editoriais privadas.
Pero
a realidade non le dicionarios, e durante ese mesmo período
foron xurdindo no noso ámbito a Consellería
de Medio Ambiente, múltiples concellerías
de Medio Ambiente, oficinas
de Medio Ambiente nalgunhas universidades… de tal
forma que a denominación acadou un nivel de presenza simbólica
que fai difícil despachala simplemente dicindo que se
trata dun “erro”.
Por
este motivo, no Léxico
do medio editado en 2002, de cuxa parte galega se
responsabilizou persoal de Termigal,[1]
ofrécese medio
como forma preferente, pero tamén se lle outorga validez
a medio
ambiente (e a mesma estratexia séguese con ambiental
e medioambiental)[2].
Nas Actas
da VII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias
(páx. 353-360) os autores explican as razóns desa
decisión.
Polo
xeral, os dicionarios galegos destes últimos anos (Dicionario
Xerais da lingua, Dicionario
de galego de Ir Indo…) seguen desaconsellando ou
ignorando o uso de medio
ambiente –por veces con contradicións internas–[3]
e aparentemente iso é tamén o que fai o Dicionario
castelán-galego da Real Academia Galega. Pero
non. Este traballo de 2005, despois de ofrecer medio
ou ambiente como únicas alternativas para o castelán
medio ambiente, muta de criterio na seguinte
entrada e propón medioambiental como equivalente
galego de medioambiental en castelán.
Perante
este panorama, non podemos estrañarnos de que un usuario
calquera se atope perdido. A ver logo se a nosa opinión
consegue aclarar algunhas cousas:
-
Medio
natural designa un concepto diferente ao de medio (ou medio ambiente),
xa que exclúe calquera tipo de intervención humana
alteradora das características
atmosféricas, xeolóxicas e biolóxicas existentes
nunha área determinada.
-
O
uso exclusivo de medio ou de ambiente é perfectamente acaídos desde un punto de vista
estritamente lingüístico, pero se o completamos cun
enfoque pragmático vemos que pode provocar certas
ambigüidades en situacións reais de comunicación
(“…debe dirixirse á Oficina do Medio…”) ou
incluso ter connotacións negativas.
Pensamos que algo diso é o que dificulta o emprego de
ambiente: ao designar tamén coloquialmente o
‘circuíto de locais ou establecementos frecuentados
por homosexuais’ a súa utilización en calquera
contexto en que poida caber a interpretación ambigua
(“…activistas do ambiente…”, “…campaña a
prol do ambiente…”) tende a evitarse.
É certo que medio
ambiente é, desde un punto de vista lingüístico,
unha expresión redundante.[5] Pero é verdade tamén que, tendo en conta a súa
presenza na denominación de entidades tan importantes
como as que vimos antes, parece unha aposta puramente
voluntarista e destinada a fracasar seguila condenando
ao inferno do “incorrecto”.
Amais, esta expresión non é exclusiva do castelán,
senón que meio
ambiente é a forma empregada no portugués do
Brasil (vid. por exemplo o web do seu Ministério
do Meio Ambiente), e tanto medi
como medi
ambient se consideran formas correctas en catalán.[6]
|
Logo
de expostos todos estes argumentos pensamos que a
postura máis racional é a que defendían os
autores do Léxico
do medio: tratar medio
–ou ambiente– como denominacións principais, pero asumir que a
implantación de medio
ambiente, unida aos problemas que en certos
contextos presentan as outras dúas denominacións,
obríganos a recoñecela como forma aceptable en
galego, aínda que intentemos limitar na medida do
posible o seu emprego.
De forma correlativa, esta actitude
debe estenderse á parella ambiental
/ medioambiental, dándolle prioridade á primeira, pero aceptando a
segunda como forma galega. |
|