Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

73

Cascas, codias e cortizas

 

Na linguaxe técnica galega aplícanse con demasiada frecuencia razoamentos analóxicos segundo os cales, se un concepto X se coñece en castelán cunha forma A (como cuarzo ou plomo, por poñer dous exemplos) e en galego cunha forma B (seixo ou chumbo), estas equivalencias deberían manterse cando eses mesmos nomes casteláns designan outros conceptos distintos. E non pode nin debe ser así.


Imos centrarnos nestas liñas nas analoxías que se fan partindo da equivalencia existente entre corteza e codia como denominacións da ‘parte exterior dura que se forma en certos alimentos, como o queixo ou o pan, ou nalgúns tipos de froita, como a laranxa ou o limón’.

Un primeiro exemplo deste proceso de analoxías observámolo cando a codia se lle outorga en galego o valor de ‘capa exterior que recobre o tronco e as pólas das árbores’. En realidade a forma máis común de referirse a ese concepto é casca, e en menor medida, tona. Un proceso semellante (neste caso a semellanza formal entre corteza e cortiza) provoca que algúns dicionarios lle asignen a esta última o valor devandito, cando en galego designa unicamente a casca da sobreira e a doutras poucas especies que presentan características morfolóxicas semellantes.

 

En casos coma este, nos que o galego tiña xa creada unha estrutura conceptual e denominativa propia, pensamos que o recurso á analoxía é totalmente innecesario. Por iso, pensamos que casca ou tona deben ser as elixidar como denominacións do concepto que nos ocupa.[1]

Noutros casos, recórrese á analoxía para bautizar conceptos técnicos que non contaban con nome patrimonial en galego, como acontece coa parella codia cerebral / cortiza cerebral ou con codia terrestre.  Nestes casos as recomendacións dos dicionarios galegos –incluso dos procedentes do contorno da RAG– apuntan a direccións diferentes.

Así, no Diccionario galego de termos médicos menciónase soamente córtex cerebral,[2] como xa indicabamos na Precisión 14, recollendo o mesmo latinismo que se fai valer en inglés, portugués ou francés. Porén, no Diccionario de psicoloxía e educación acéptase tamén como equivalente cortiza cerebral en paralelo e por imitación do castelán corteza cerebral.

Pola contra, para designar a ‘capa superficial da terra’, non se recorreu á adaptación do latinismo crusta, como fan o inglés (earth crust), o portugués (crosta terrestre) ou o francés (croûte terrestre), senón que practicamente a totalidade dos dicionarios galegos,[3] comezando polo Diccionario da Real Academia Galega, aconsellan o emprego de codia terrestre. Na escolla pesou moi probablemente o influxo do castelán, pero tamén hai que ter en conta que desde comezos do século XX os dicionarios galegos outórganlle a codia o valor de ‘superficie externa dunha terra de labor’, especialmente cando forma unha capa dura por causa da chuvia e do sol.

 

Por todo isto, pensamos que estes dous casos non admiten un trato idéntico, aínda a pesar das súas semellanzas:

Propoñeríamos o emprego de córtex cerebral, xa que as alternativas (“codia”, “cortiza”…) son formas sen tradición en galego, que nos afastan das escollas seguidas polas linguas veciñas e das propias tendencias denominativas na linguaxe médica, na que poderiamos atopar outros moitos córtex.

Non cremos que se deba desaconsellar o uso de codia terrestre, porque é posible entendelo como un termo vivo no galego popular –como consta nos dicionarios e corpus de textos de principios do s. XX– que foi aproveitado para os textos especializados, ben certo é que axudado polo seu paralelismo co castelán.
Con todo, tampouco parece que haxa impedimento para empregar o cultismo crusta terrestre, practicamente inédito en textos reais, pero que nos achegaría ás linguas do contorno.

 

 


[1] Parece que canto máis dura e grosa sexa esa superficie exterior máis se tende ao uso de casca, e a medida que esta superficie adelgaza, aumenta o emprego de tona.

[2] Como nome para a ‘capa exterior do cerebro, palium ou manto, composta principalmente de substancia gris ou cinérea.’.

[3] Só no e-Estraviz se aconsella o emprego de crosta terrestre; e no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde indícase que crusta é a ‘denominación que, algúns, dan á codia terrestre’.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco