Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

77

Cabanas sen tellado nin paredes

 

Ao revés do que podería parecer, cando en galego oímos ou lemos denominacións como cabana gandeira, cabana bovina, cabana equina, cabana ovina, cabana porcina… non se nos pretende falar de construcións nas que se estabulan todos eses tipos de gando, senón do ‘total do gando –en conxunto ou dunha determinada especie– que se pode contabilizar nun ámbito xeográfico ou nunha propiedade concreta’.

A palabra cabana comezou a empregarse con este novo sentido en épocas moi recentes: o exemplo máis antigo de uso recollido no Tesouro Informatizado da Lingua Galega é de 1984, e amais, tampouco se cita en ningunha dos traballos de finais do XIX e de boa parte do XX compilados no Dicionario de dicionarios. Porén, nestes últimos 20 anos vénse empregando con moita frecuencia, o que permite documentalo incluso en vocabularios como o Léxico de xeografía (Santiago de Compostela: USC, 1996) ou en páxinas oficiais da Xunta de Galicia (entre elas o Diario oficial de Galicia).

“Curiosamente”, este novo sentido de cabana coincide case literalmente cun dos recollidos no Diccionario de la lengua española da RAE para o castelán cabaña (‘conjunto de los ganados de una hacienda, región, país, etc.’). Pero nesta lingua, ese valor ten unha longuísima tradición histórica, pois xa se recollía na edición do Diccionario publicada en 1729.

Só os datos anteriores xa abondarían para desconfiar da “galeguidade” desa acepción de cabana. Pero se amais lle engadimos:

  • que as linguas do noso contorno denominan o concepto en cuestión recorrendo a formas totalmente diverxentes entre si e sen ningunha relación coa castelá (PT: efectivo. EN: herd; livestock; livestock population. FR: cheptel);

  • que o galego dispón de denominacións patrimoniais (facenda, armentío, habenza…) que designan ese mesmo concepto ou algúns moi achegados;

temos indicios abondos para diagnosticalo como un préstamo do castelán, instalado só no galego, onde compite con formas autóctonas, polo que sería aconsellable evitalo.

Xa sabemos que é mellor non empregar cabana, quédanos pois determinar a qué forma podemos recorrer no canto dela.

  • Habenza non parece a máis apropiada xa que o Diccionario da Real Academia Galega limita o seu alcance ao ‘gando miúdo’ (o formado por reses pequenas, como ovellas, porcos ou cabras).

  • Facenda posúe un significado (‘conxunto de animais que son propiedade dunha familia’) que a capacita para substituír a cabana, aínda segundo as zonas do país ese valor xeral adquire matices particulares.

  •  Armentío sería tamén unha posibilidade acaída, xa que os dicionarios recollen para ela un significado xenérico de ‘gando de calquera clase que se cría para utilidade do home’, xunta outro máis específico de ‘gando vacún que forma rabaño’.

 

Xa que logo, a nosa proposta desta quincena consiste en evitar expresións como as recollidas no primeiro parágrafo desta precisión, e empregar no seu canto armentío1 ou facenda / facenda de gando.

 


1Cando empreguemos este substantivo, é redundante completalo con gandeiro ou con de gando, xa que non existe ningunha ambigüidade posible. Si pode ser preciso recorrer a unha desas formas se usamos facenda, xa que expresións como “a facenda galega” ou “as subvencións por explotación outorgaranse en función da facenda” poden ser provocar confusións con algún dos outros significados dese substantivo.

Esta posible ambigüidade xa desaparece nos casos en que se especifica un tipo de gando concreto (“o armentío bovino galego”, “a facenda porcina catalá”…).


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco