Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

81

O gardarraíl, ou ter que elixir cando non hai opción boa

 

Por veces, á hora de recomendar qué nome debemos empregar en galego para referirnos a algún concepto concreto, debemos elixir entre o regular e o malo, xa que todas as alternativas presentan un lado escuro.

 

Un exemplo? A denominación en galego deste obxecto. Trátase dun ‘elemento de protección da seguranza do tráfico, consistente nunha prancha galvanizada de sección sinusoidal[1] que se fixa a unha serie de postes metálicos verticais chantados no chan, e que se coloca nas beiras das estradas para evitar as saídas de vía, ou no centro delas para separar os dous sentidos da circulación’.

Pois ben, en principio, poderiamos optar entre quitamedos, gardarraíl ou barreira de seguridade metálica/barreira de seguridade semirríxida. O que ocorre é que todas elas presentan un pero, como podedes ver tamén neste debate:

  • quitamedos aparece recollido nalgún dicionario galego (Gran Xerais), que o define como ‘varanda que se coloca nos lugares elevados e nas beiras dalgunhas estradas’, probablemente a imitación do castelán quitamiedos. Pero como nesta lingua, fontes tan autorizadas como a Dirección General de Tráfico indican que ese uso é impreciso,[2] podemos preguntarnos se ten sentido aproveitalo para o galego.

  • gardarraíl non o atopamos en ningún dicionario galego, pero si nunhas cantas páxinas web. Trátase –igual ca o castelán guardarraíl– dun anglicismo resultante da tradución trapalleira do inglés guardrail,[3] que en realidade vén significando ‘varanda de protección’. Porque, se nos compostos galegos que comezan por garda- o segundo elemento é algo que se protexe (gardacostas, gardameta, gardarroupa…) ou do que hai que protexerse (gardalama), que “raíl” protexe un gardarraíl?

  • barreira de seguridade metálica (ou semirríxida) sería a forma máis acaída desde o punto de vista lingüístico, xa que describe ben o obxecto e presenta unha estrutura semellante á do nome inglés (guardrail) ou ás empregadas en castelán contextos técnicos (barrera metálica de seguridad, valla de defensa). Os problemas chegan polo lado pragmático: parece unha expresión moi ‘formal’ para poder encher o oco que quitamedos ou gardarraíl veñen ocupando na lingua non especializada.

Xa que as tres alternativas teñen o seu aquel, e todas renxen nun punto ou no outro, non nos vemos quén de establecer unha fronteira ríxida entre formas que se deben proscribir e formas que se deben empregar. Aínda así, pensamos que o mellor é evitar o uso de quitamedos, fundamentalmente pola súa ambigüidade; que barreira de seguridade semirríxida sería a forma máis adecuada para a documentación técnica tanto do ámbito da enxeñaría coma do dos transportes; e que gardarraíl,[4]4] no caso de empregarse, debe limitar o seu alcance ao niveis non especializados da lingua.

 


[1] Esta prancha recibe o nome de perfil bionda ou simplemente bionda (ES: bionda; EN: W-beam)

[2] En realidade un quitamiedos é en castelán un obxecto parecido pero distinto: un elemento de protección que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto ou máis psicolóxica ca real. Segundo varios dicionarios, a forma adecuada en galego sería peitoril, antepeito ou varanda.

[3] Neste idioma tamén se emprega crash barrier

[4] O feito de ser un calco erróneo non é razón abonda para proscribilo unha vez que xa acadou unha ampla difusión: en obras normativas outros casos de traducións trapalleiras perfectamente integradas no galego  (ciencia ficción, por poñer un caso).


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco