Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

83

Anchoas de a metro

 

Sempre me pareceu curiosa a decisión da nosa Academia de rebautizar aos bocareos como anchoas a partir do momento en que os metemos nun cadaleito de latón. Ben sei que ese cambio de nome da materia prima á preparación gastronómica é frecuente no ámbito da culinaria, pero cadaquén ten as súas teimas.

   Cuestión de tamaño: Pomatomus saltatrix engule a un Engraulis encrasicolus.

   O que xa me parece excesivo é que no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos nos aconsellen chamarlle anchoa á especie Pomatomus saltatrix. Se consultamos algunha descrición zoolóxica (tamaño máximo: 120 cm; peso máximo: 14 kg) parece que os conserveiros van ter que cambiar o tamaño das latas.

   Evidentemente, estamos perante dúas especies totalmente distintas: o noso bocareo coñécese taxonomicamente como Engraulis encrasicolus, e non resiste a comparación en pesos e medidas. Por iso, non parece moi boa idea que dous peixes tan distintos compartan denominación; sobre todo cando está tan divulgada coma neste caso.

   Confírmanos nesta opinión o feito de que as linguas do noso contorno diferencien esas dúas especies, ao usar  bluefish (EN), anjova ou pez golfar (ES), tassergal (FR) ou tallahams (CT) para o Pomatomus saltatrix;  e anchovy ou European anchovy (EN), anchoa ou boquerón (ES), anchois (FR) e seitó ou anxova (CT) para o Engraulis.

   Non incluímos na listaxe exemplos do portugués porque nesta lingua dáse unha situación ata certo punto especial: aínda que pode detectarse unha certa confusión que leva a empregar anchova para as dúas especies que nos ocupan, na documentación oficial –como por exemplo nesta lista de especies pesqueiras– tense bo coidado en establecer esa distinción, reservando biqueirão para o Engraulis e anchova para o Pomatomus.

 

Despois de todo o que acabamos de ver –e aínda que só sexa por aforrar o susto de atopar filetes de anchoa de a metro– pensamos que é mellor reservar este nome para a conserva feita a partir de bocareos, e recorrer por exemplo a anchova –forma proposta para o galego no Listado de denominaciones comerciales de especies pesqueras y de acuicultura admitidas en España– para referirnos ao Pomatomus saltatrix.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco