Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

88

Alcumes na Internet

 

No mundo real –e especialmente no mundo real galego–, unha persoa pode ser coñecida polo seu nome propio, ou por algún outro, xurdido polas razóns máis diversas, con ou sen o beneplácito de quen o porta, e que pode tomar como base características físicas ou morais, reais ou inventadas deste.

 

Alcumes na InternetA todo ese abano de “segundos nomes”  –que moitas veces son os primeiros– (o raposo de Arteixo, Mac o Navallas, Brétemas, Manolito Catrollos…) chamámoslle en galego alias ou sobrenome. Pero algúns deles adquiriron relevancia abonda como para contar cunha denominación propia que os personaliza:

 

-  Ao ‘nome ficticio co que un autor asina a súa obra para esconde-la súa identidade’ (como Brétemas ou Avilés de Taramancos) chamámoslle pseudónimo.

-  O ‘nome que se lle dá a unha persoa, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias’ coñécese como alcume ou alcuño.

Estes nomes específicos non deben empregarse máis alá do seu raio de acción, así que debemos evitar tratalos como se fosen sinónimos das formas máis xerais, en contextos como ‘Este presentador era coñecido polo alcume de Superpiñeiro’.

Ben, pois o que acabamos de indicar para o mundo real, é tamén aplicable ao virtual. No ámbito da informática alias (EN: alias; PT: alias; ES: alias; FR: alias) pode aludir, como mínimo, a:

Un dos varios nomes alternativos que poden facerse corresponder co mesmo enderezo de Internet.

Un nome curto e doado de lembrar que remite a un enderezo de correo electrónico de tal forma que ao enviar unha mensaxe, tecleando o primeiro como destinatario, esta remítese ao enderezo completo.

-  Unha denominación alternativa que identifica un obxecto (un ficheiro, un campo de datos…)

Tendo en conta que en ningunha desas definicións se perciben as connotacións negativas que parecen propias de alcume, pensamos que non se debe empregar esta denominación para designalos[1] –a pesar de que se empregue con frecuencia na versión galega dun dos paquetes ofimáticos máis difundidos.

Alias e sobrenome son, con gran diferenza, formas máis acaídas[2].


[1] Si se podería empregar –nalgúns casos– para describir o que en inglés se coñece como nick ou nickname: un ‘nome alternativo que adoita ser empregado polos usuarios de determinadas ferramentas interactivas de relación, como foros ou charlas (chats)’.

[2]  A primeira é a denominación elixida na versión galega de Windows e, ocasionalmente, tamén na de OpenOffice.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco