Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

92

Escollendo entre marisco: cigalas ou lagostinos?

 

Se algún dos que nos le, senta nun restaurante e, despois de pedir unha ración de lagostinos á grella, ve que lle chegan con isto que o pense antes de reclamar, porque se lle toca un camareiro amante da filoloxía pode ter que escoitar como lle retruca “non, non, en galego isto son lagostinos”.


 

Nephrops norvegicusPois si, segundo a RAG, o crustáceo de nome científico Nephrops norvegicus  (ES: cigala, EN: Norway lobster, PT: lagostim) debe recibir en galego o nome de lagostino, aínda que tamén se considera aceptable –pero menos recomendable– usar cigala. O problema é que este mesmo nome tamén se aconsella para unha especie diferente (o Melicertus kerathurus ou Penaeus kerathurus) coñecida como langostino en castelán, caramote prawn en inglés e gamba-manchada en portugués.

Esta dualidade –cuxa presenza na lingua popular[1] pode explicarse polo feito de que esta segunda especie practicamente non se capturaba na pesca tradicional– é incompatible coa precisión que requiren a lingua científica, as relacións comerciais, e os menús das vodas. Por iso, traballos de índole máis técnica vense obrigados a artellar algunha alternativa que desfaga a ambigüidade:

 

Se partimos do feito de que as dúas especies que nos ocupan son diferentes –o que para todos é obvio cando as temos no prato– e que polo tanto precisan cadanseu nome, pensamos que o máis razoable é reservar cigala para Nephrops e lagostino para Melicertus.

Esta solución é respectuosa coas prescricións normativas e evita as confusións e ambigüidades que podería xerar o emprego da segunda destas denominacións para ambas especies.


[1] De feito, no traballo Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia, de M. C. Ríos Panisse recóllese tanto cigala como langostino como denominacións de Nephrops norvegicus. Pero este segundo nome tamén se documenta para outras especies como Penaeus kerathurus ou Scyllarus arctus.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco