Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

95

Castelanismos de deseño: planillos

 

No proceso de elaboración dunha publicación é moi importante manter sempre unha visión de conxunto do estado de produción (sen comezar, en elaboración, en revisión…) en que se atopa cada unha das súas partes.


Páxina de The TimesPara iso, recorríase a táboas ou a debuxos esquemáticos das páxinas da publicación colocadas en sucesión e cos elementos principais que afectaban a produción sinalados dalgún modo. A revolución tecnolóxica da profesión provocou a aparición de versións electrónicas deses materiais, pero non cambiou o nome xenérico polo que se coñecen: planillo.

Enfrontados coa necesidade de nomear en galego esa realidade, poderíase optar entre varias posibilidades:

 

  1. Importar a denominación do castelán, ben directamente (planillo), ben agalegándoa superficialmente (planiño).

  2. Tomar como referencia as linguas do contorno. En inglés coñécese como flatplan, en francés como chemin de fer e en portugués como plano.

  3. Intentar estender o uso dun nome creado en galego que describa ben as características do concepto. Unha posibilidade sería esquema de maqueta ou miniatura de maqueta.

Tendo en conta que a norma léxica do galego tende a aceptar os castelanismos só cando están difundidos en todas as linguas veciñas ou cando son de uso común –o que non ocorre neste caso–, optamos por desbotar a primeira alternativa. A terceira sería moi acaída desde o punto de vista teórico –xa que as denominacións alí citadas describen moi ben o concepto– pero miradas pragmaticamente é ben pouco probable acaben suplantando unha forma máis breve e xa asentada como é “planillo”, tendo en conta a súa maior lonxitude. Novo deseño de slashdot.com

Xa que logo, pensamos que a alternativa máis viable, que combina de xeito razoable a calidade lingüística e a usabilidade pragmática, é usar plano. Esta denominación evita o castelanismo e vincúlase con linguas relevantes do noso contorno (portugués e inglés); á vez, permite identificar razoablemente ben o concepto e supón unha alternativa “competitiva” desde o punto de vista pragmático á forma castelá que intenta substituír.

 Por todas estas razóns, aconsellariamos empregar plano (ou plano de maqueta, en casos nos que puidera existir algunha ambigüidade) para designar o concepto que nos ocupou nesta precisión. Pero admítense suxestións e opinións en contra, claro.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco